Tuesday 21 de May de 2024

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia reuniranse con Patrimonio para iniciar os traballos de delimitación do trazado


Os representantes municipais acordaron de cara á xuntanza do 8 de maio buscar a mellor fórmula para constituírse como unha asociación ou agrupación de municipios para promover a ruta Xacobea

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia reuníronse en Lousame na que foi a primeira das reunións mensuais que celebrarán de cara a conseguir a oficialización desta ruta Xacobea. Unha reunión á que asistiron alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras dos oito municipios que promoven este trazado (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son e Rois), así como representantes do tecido empresarial, turístico e cultural da comarca.

No encontro acordouse solicitar unha reunión coa Dirección Xeral de Patrimonio de cara a consensuar o inicio dos traballos de delimitación do trazado do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. Neste sentido, todos os concellos comprometéronse a participar nos traballos de delimitación do trazado e a poñer en común medidas para a súa limpeza e conservación posterior, así como fomentar o sendeirismo en torno ao Camiño.

Así mesmo, os representantes dos oito concellos promotores do trazado acordaron iniciar as xestión para, de cara á vindeira xuntanza do mes de maio, buscar a mellor fórmula para constituírse como unha asociación ou agrupación de municipios co obxectivo de promover a ruta Xacobea e poder acceder a convocatorias de axudas e subvencións. Así mesmo, decidiron poñerse en contacto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de cara a conseguir a implicación do Concello compostelán nesta iniciativa. Noriega foi unha das autoridades asinantes do protocolo para a creación do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia.

Na reunión celebrada no salón de plenos lousamiá estiveron presentes as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso; e Outes, Beatriz Molinos; así como o alcalde de Noia, Santiago Freire. Tamén asistiron o primeiro tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; a concelleira de Turismo de Ames, María Isabel González; os concelleiros de Turismo de Porto do Son, José Manuel Deán; e Noia, José Pérez; así como os técnicos de Turismo de Brión, Alberto Álvarez; e Ames, Sonia Moure. Así mesmo, asistiron o presidente da Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia, Manuel Lema; e o secretario da Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-.Noia, Francisco Calo. O próximo encontro terá lugar o martes 8 de maio.